mércores, 30 de novembro de 2016

YOUTUBEIR@S!!

E haberá alumnado do Sagrado que queiran ser youtubeiros e youtubeiras? 


Se queredes compartir a vosas habilidades e criterios, que poidan ser de interese para outras persoas, a través dunha canle onde miles de millóns de persoas descobren, visualizan e comparten vídeos... nace este fantástico e motivante proxecto en lingua galega.

Actualmente, Youtube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, con máis de mil millóns de usuarias e usuarios...

Youtubeir@s – Concurso de vídeos na Rede, coa fin de fomentar a creación de vídeos en galego, tanto de opinión como vídeo-titoriais, para a súa difusión en Internet.

Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove e das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Preme no seguinte enlace e consulta todo o que precises saber para poderes participar neste ilusionante proxecto que de seguro ha de servir de alento para a lingua de noso.

luns, 28 de novembro de 2016


Manuel núñez Singala, visitará o Sagrado!



Hoxe vimos de coñecer a confirmación da visita deste escritor galego, autor do libro Comedia bífida que está a debullar o alumnado de 1º de Bacharelato.


O encontro con Singala terá lugar o vindeiro venres 16 de decembro. De seguro que habemos gozar coa súa presenza!

luns, 21 de novembro de 2016

XII Xornada de Normalización Lingüística de Escolas Católicas

O pasado venres 18, unha representación do EDLG do colexio, asistiu á XII Xornada de Normalización Lingüísitca organizada por Escolas Católicas. 

O curso tivo lugar no Centro Abanca Obra Social sito na céntrica Praza de Cervantes da capital galega.




 
Ao longo da mañá, os que asistimos á XII Xornada de Normalización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia puidemos coñecer as experiencias de promoción do uso oral do galego presentadas polo Colexio Santa Xoana de Lestonnac de Ferrol, Compañía de María de Santiago, Calasanz Padres Escolapios da Coruña e IES Maximino Romero de Lema de Baio en colaboración co IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

A xornada completouse co obradoiro “A toponimia como ferramenta normalizadora no ensino”, a cargo do lingüista Vicente Feijoo, e con dúas conferencias: “As posibilidades de Casares”, do escritor Antón Riveiro Coello, e “A contribución dos equipos de dinamización da lingua galega ao proceso de normalización lingüística”, do inspector de educación Elisardo López Varela.



Previamente a esta intensa mañá de formación, a xornada abrírase cunha homenaxe aos escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes. Tras a clausura, o profesorado asistiu á actuación dos regueifeiros Luis “O Carunho” e Bieito Lobariñas.

CONSULTA AS BASES!!