QUEN DIXO MEDO?



Chega o Samaín! A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro celebramos a festa máis arrepiante da nosa terra. Se non queredes recibir a visita dos espíritos noitébregos, é mellor que teñades preparado o voso calacú


Samaín é unha palabra gaélica que significa fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas clave para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e celebrar as festas dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do alén abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores, para render contas pendentes.


Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes adoitaban poñer no alto das muradas as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña. De aquí, dos ritos e crenzas célticas ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer caveiras na cortiza dos melóns ou cabazos. Tradición que, grazas ás investigacións do profesor Rafael López Loureiro, sabemos que se estende por toda a antiga xeografía céltica europea. En Galicia atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e achegando un folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense... etc.


Na irrupción das ánimas do alén no mundo dos vivos podemos recoñecer a tradicional lenda da Santa Compaña. Segundo as vellas crenzas, as almas viñan á terra no día de defuntos con moi diferentes fins. Por iso nuns lugares púñaselles de comer, noutros se botaba leña no lume para que non pasasen frío e noutros era perigoso varrer pola noite a cociña, xa que se lles impedía achegárense á lareira.


Hai moitos costumes ancestrais propios de Galicia, desde deixar un oco na mesa ou racións de comida e bebida para os defuntos ata facer colares de castañas novas. Tamén era moi común facerlles trasnadas aos veciños coma abrirlles as cancelas dos prados, cambiarlles os apeiros de sitio, poñerlle o carro no medio da corredoira...


E ti? Coñeces algún costume ou algunha lenda relacionada co Samaín? Non deixes de compartir as túas historias para non deixar durmir!


Deixámosvos cun vídeo para brincar, da man de Kalandraka:

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Gañadores relato de medo