domingo, 20 de marzo de 2016

Día da Poesía


21 de marzo, Día da Poesía

A UNESCO proclamou o 21 de marzo Día Internacional da Poesía.  A este respecto, este organismo internacional dinos:



"A poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar de forma sempre renovada a maneira en que usamos as palabras e as cousas, así como os nosos modos de percibir e interpretar a realidade. Grazas ás súas asociacións e metáforas, á súa gramática singular, a linguaxe poética constitúe outro camiño posible de diálogo entre as culturas. Cada ano, o 21 de marzo, a UNESCO celebra o Día Mundial da Poesía e  invítanos a reflexionar sobre o poder da linguaxe poética e o florecimiento das capacidades creadoras de cada persoa. O principal obxectivo desta acción é apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar a oportunidade ás linguas ameazadas de ser un vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas."

En Galicia somos menos de tres millóns de habitantes e máis de 400 poetas en activo. Non está mal dotado de poesía. Como dicía o noso gran poeta Celso Emilio Ferreiro, "A poesía é unha fogueria, queimémonos nela!".

E ti, que poema elixes para conmemorar este día? 

xoves, 17 de marzo de 2016

Teatro en galego


Galego no escenario do Sagrado

A nosa lingua foi a protagonista o pasado mércores no teatro do colexio. A  fantástica actuación dos integrantes de Talía Teatro, fixo que o noso alumnado gozase dunha boa mañá de arte dramática.

mércores, 16 de marzo de 2016


Con alma de escritoras!



O pasado venres 11, seis alumnas de 2º ESO do noso colexio, participaron na 8ª edición do Concurso Coca-Cola Novos Talentos Premio Relato Curto que tivo lugar na Aula Magna da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Vigo.

Aínda que ao comezo os nervios parecían dominalas, pronto se desfixeron deles e deixaron que a imaxinación se plasmase en cadanseus relatos, aproveitando até o último instante esta fermosa experiencia.

O estímulo literario consistiu na seguinte oración: Aquela sombra desconcertáballe... Este enunciado debían integralo nos seus relatos.

De seguro que o resultado final mereceu a pena! Agora só toca agardar que o xurado vexa nas historias das nosas alumnas esa orixinalidade que lles outorgue un premio, aínda que como se adoita dicir, deben sentirse suficientemente premiadas xa que foron as elixidas para representar ao Sagrado nesta fase provincial do concurso.


Noraboa a todas e cada unha delas! 

luns, 14 de marzo de 2016



TEATRO EN GALEGO!!


O vindeiro mérores gozaremos no teatro do Sagrado da representación de dúas obras de teatro por parte da compañia Talía Teatro. Os títulos a pór en escena son:
  • Valentino Rufini e Akil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can). Para 5º e 6º EP e 1º e 2º ESO.
Século XVIII. Italia. O cabaleiro Valentino Rufini de regreso á súa casa en Milán é abandonado polo seu criado, que lle marcha cos cartos. Só, carregando co seu baúl de viaxe, e coa faldriqueira baleira, decide pasar a noite nunha casa en ruínas no camiño por onde pasa a carruaxe a Milán. No mesmo lugar decide tamén pasar a noite Danniello Pillabán, a quen a súa ama deixou composto, sen cartos e cun baúl cheo de traxes de señora ostentosa vida a menos. Ambos os dous coñeceranse e compartirán a noite, e con ela, desexos, sospeitas e medos, mentres agardan a que de mañán pase a carruaxe.

A desconfianza entre eles e o medo que os une provocarán divertidas historias coas que se artella un espectáculo que trata de reflexionar sobre a diferenza cultural, a desconfianza ao descoñecido e, por riba de todo, a necesidade de comprender que todos somos iguais, malia a cor da pel, das relixións e das posicións sociais.

Trátase, en definitiva, dun espectáculo para ver en familia, para rir sen medo e, ao tempo, para pensar sen prexuízos.

  • Bicos con lingua. Para 3º e 4º ESO e 1º e 2º BACH.


Un espléndido diálogo, tecido arredor da lingua, é o eixo central desta excelente peza dramática (…) a demostración palpable de que é certo que se pode facer, que se fai teatro, bo teatro nestes nosos lares. Había tempo que quen lles escribe non disfrutaba tanto vendo unha representación escénica na nosa linguaA. Conde (El Correo Gallego)

A novidade de ‘Bicos con Lingua’ é facer humor con esas cousas que habitualmente aparecen nos informes (dramáticos) sobre a perda de falantes en galego ou sobre algunhas esquizofrenias en relación co castelán. Cun estupendo sentido do humor, a máis recente montaxe de Talía, compón un rompecabezas de situación que van do completamente posible ata a proxección dun futuro que os optimistas damos por fantásticoC. Franco (La Voz de Galicia)

  CARTEL GAÑADOR DO IV CONCURSO CARTELERÍA